Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Artigos filtrados por data: Abril 2018

Tania Castiñeira, ouro na Copa Presidente de Atenas

Rematou a Copa Presidente de Atenas e non o puido facer de mellor maneira para Galicia. Tania Castiñeira (Hebe), a nosa última representante neste prestixioso torneo (clase G-2), logrou a medalla de ouro no peso pesado da categoría júnior feminina e ademais acadou a clasificación para o Campionato de Europa sub 21.

 Tania estivo espectacular, vencendo en todos os seus combates con folgura. Comezou a súa marcha pola President Cup contra a grega Eirini  Tsogka e venceu cun contundente 17-5. En segunda rolda esperaba a turca Dilara Arslan, que está clasificada para os Xogos da Xuventude. Pero Tania seguiu intratable e gañou por 16-4. Nos cuartos de final, a rival era a rusa  Linara Muslimova e novamente control absoluto da deportista do Hebe que se impuxo por 9-3. Na semifinal, Tania impúxose  a Sevasti Gavriilidou (Grecia) por 11-4. E rematou a súa actuación en Atenas, co quinto e último combate fronte a Tuba   Donukara (Turquía) a quen venceu por 6-2.

 Así, pechouse para Galicia a Copa Presidente de Atena co ouro de Tania Castiñeira e os bronces dos cadetes Julián Feijoó (Couto) e Cloe Iglesias (Patiño).

 

 

 

  • Publicado en Novas

Sara García na Presidents Cup de Grecia

Sara García disputó la PRESIDENTS CUP GRECIA, en uno de los pesos más fuertes de la categoría femenina -57kg. Con un cuadro extenso y complicado, gana a Italia en primera ronda sin problemas. En segunda ronda , se encuentra con la ganadora del Torneo y cabeza de serie n.1 , la turca KUBRA HATICE , actual subcampeona del mundo. Mal sorteo para avanzar en el cuadro, pero bueno para ir venciendo resistencias .Sara viaja con su club DOBOK acompañada de su entrenadora  y la colaboración de la Federación Gallega. Seguimos trabajando para incorporarnos a esta liga internacional, y cosechar grandes resultados .

  • Publicado en Novas

Galicia remata o Mundial Praia con seis medallas en rompementos

Rematou o Mundial Praia de Rodas (Grecia) e fíxoo coa disputa da modalidade de rompementos na que Galicia volveu brillar. Así, a selección galega puido despedirse con seis medallas máis (tres pratas e tres bronces). Ademais, hai que destacar que Miguel Barreiro (Yidam) foi seleccionado para formar parte do equipo de exhibición da Federación Mundial do 1 de xullo ao 31 de decembro.

 En Spinning Kick –rompementos de xiro vertical e horizontal- houbo dúas medallas:  Manuel Paz (Hebe) foi prata e Adrián Ventín (Mace Sport), bronce. Espectacular traballo de ambos que fallaron en dúas táboas. Finalmente os xuíces puntuaron máis a Manu, pero hai que destacar a enorme potencia de Adrián.

 En Freestyle Breaking -combinación de rompementos, ata dez e nun tempo máximo de 2 minutos-, tamén dobrete galego: Medalla de prata para Miguel Barreiro (Yidam) e bronce para Adrián Alonso (Yidam). Miguel estivo case perfecto –só fallou un rompemento- e a altura que alcanza da moitísima espectacularidade. Pola súa banda, Adrián Alonso tamén destacou pola potencia que ten ao facer as súas acrobacias.

 En Jumping Múltiple Kick Ángel López (Mace Sport) acadou a medalla de bronce. O galego saíu a por todas e decidiu arriscar subindo a altura das táboas e, quizais por iso, fallou un pouco máis que na semifinal.

 Por último, en High Kick Performance (a patada máis alta) Miguel Barreiro (Yidam), o home máis destacado do día, acadou outra medalla de prata, por detrás do coreano. Onte a altura máxima foi 2,60 metros. Hoxe partiron de 2,30 e foron subindo ata  2,65 metros.

  • Publicado en Novas

Día sen medallas para Galicia na Copa Presidente de Atenas

No día de hoxe participaban catro galegos na Copa Presidente de Atenas, na penúltima xornada deste importante torneo. Pero nesta oportunidade, os nosos deportistas non puideron acadar unha medalla. José Fernández e Irene Montemuiño caeron nos oitavos de final, despois de facer unha boa actuación. Pola súa banda, Katia Calvar e Pablo Fernández Eiras perderon no segundo combate.

                                                           

José Fernández (-74, Natural Sport) gañou no primeiro combate contra o chipriata Andreas Stylianou con certa comodidade (14-4). En segunda rolda, José enfrontouse ao turco Kutay Cekem ao que superou no punto de ouro despois de rematar os tres asaltos con empate (4-4). Foi un duro rival, ao que logrou superar puntuando arriba. En oitavos de final esperaba Marko Mutak (Croacia), un vello coñecido para o noso taekwondista. O combate estivo moi apertado ata o final, cun José excepcional, que loitou ata o final polo triunfo, que se decidiu por pequenos detalles a favor de Mutak (5-4). Ao final o croata logrou a medalla de prata.

 

A cadete Irene Montemuíño (-51, Natural Sport) comezou a competición fronte a Chrysanthi Maziani (Grecia) cunha clara vitoria (18-9) para seguir avanzando. Venceu tamén no segundo combate con solvencia á turca Berra Nur Aktas (4-18) e caeu en oitavos de final contra Svetlana Dikova (Rusia). Foi unha loita complicada, xa que a rusa tiña unha moi boa perna dianteira, que freaba a calidade técnica de Montemuiño, que se despediu así da posibilidade de clasificarse para o Europeo cadete.

 

Katia Calvar (-62, Mat’s) venceu en primeira rolda á rusa Anna Kashirina por 8-6. No segundo combate esperaba unha coñecida, a española Jone Magdaleno, que logra vencer a Katia por 13-8.

 

Pablo Fernández Eiras (+87, Mat’s) superou a primeira rolda, pero caeu en segunda contra Oleg Kuznetcov (Rusia), quen ao final logrou a vitoria neste peso.

 

Mañá remata a Copa Presidente coa participación da júnior galega Tania Castiñeira (+68, Hebe). A súa primeira rival será Eirini Tsogka (Grecia).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  • Publicado en Novas

Sete medallas galegas no Mundial Praia de Freestyle de Rodas

Galicia acadou un total de sete medallas (un ouro, dúas pratas e catro bronces) en freestyle no II Mundial Praia Freestyle, que se está a disputar en Rodas (Grecia). Hoxe celebraranse as finais de rompementos nas que tamén teremos medallas galegas.

 

Na modalidade de parellas, exitazo de Galicia. O ouro foi para a parella formada por Sandra Gardini e Adrián Alonso (Yidam) que encantaron ao público coas súas acrobacias. Ademais, tivemos dous bronces: Para Aitor Priego-Eirim Vaamonde (Yidam) e Elena Varela-Alex Losada (Neka).

 

En freestyle -17, Manuel Paz (Hebe) acadou a medalla de prata, despois de realizar unha actuación case perfecta. Na semifinal quedara tamén segundo a só unhas centésimas do tailandés que ía primeiro. Por este motivo, Manu decidiu arriscar engadindo unha acrobacia de maior dificultade. A pesar do magnífico traballo, non puido acceder á primeira posición, pero sumou unha prata excepcional.

 

En quintetos Tailandia logrou a medalla de ouro, mentres que o quinteto galego (Eirim Vaamonde, Aitor Priego, Miguel Barreiro, Sandra Gardini e Adrián Alonso, do Yidam) foi prata e Italia –que o día antes non participara na demostración- foi bronce. Coma sempre, as e os rapaces do Yidam estiveron espectaculares, tanto que a speaker recoñeceu que era o seu favorito para gañar.

Eirim Vaamonde (Yidam) logrou a medalla de bronce mundialista en freestyle + 17 feminino. Eirim tamén arriscou na final para tentar subir posicións, cunha rondada mortal, que era a primeira vez que a incluía nun exercizo. Non saíu perfecta (aínda que nos adestramentos si), pero fixo un gran traballo que foi recompensando cunha medalla de bronce.

 

Na categoría masculina +17 anos, Adrián Alonso (Yidam) tamén nos ofreceu un programa espectacular, con moitísima forza. E así, medalla de bronce para o galego.

 

Onte celebrouse tamén a semifinal de rompementos e con máis éxitos para a nosa selección, que no día de hoxe pechará na final. Así en Jumping Múltiple Kick logrou clasificarse Ángel López (Mace Sport); en Spinning Kick –rompementos de xiro vertical e horizontal- lograron o pase para a final Adrián Ventín (Mace Sport) e Manuel Paz (Hebe).  En Freestyle Breaking -combinación de rompementos, ata dez e nun tempo máximo de 2 minutos- teremos na final a Adrián Alonso (Yidam) e Miguel Barreiro (Yidam), mentres que en High Kick Performance (a patada máis alta) estará Miguel Barreiro (Yidam), que rivaliza cun coreano polo ouro, porque cos outros finalistas hai moita diferenza. Ambos romperon a 2 metros e 60 centímetros.

 

En Freestyle Dynamic Kicks & Breaking challenge -combinacións de patadas con acrobacia e despois rompementos- os galegos estiveron incribles, aínda que non puideron meterse na final. Batéronse  contra os coreanos, que son de outro mundo.

  • Publicado en Novas

María Ferreiro quedou a só un paso das medallas na Copa Presidente de Atenas

A cadete María Ferreiro (-44, Couto) quedou ás beiras da clasificación para o Europeo e das medallas, ao caer en cuartos de final da Copa Presidente de Europa, que se está a celebrar estes días en Atenas (Grecia). María gañou tres combates e caeu nos cuartos de final. Ademais, tamén competiu hoxe o sénior Manu Parada (-68, Natural Sport Riveira), que perdeu en segunda rolda.

María Ferreiro (-44, Couto) comezou a President Cup ante Daría Zinchenko (Rusia). A galega venceu por 8-6, nun combate moi táctico. En segunda rolda tiña como rival a Kristina  Polychronidi (Grecia) e a nosa taekwondista gañou por 9-5. Foi determinante a perna dianteira de María, que logrou puntuar tanto no peto coma na cabeza.

María xa estaba en terceira rolda e enfronte estaba a croata Kristina  Jakovljevic. Foi un combate incrible cunha gran remontada da galega. María non comezou especialmente ben, polo que tivo que refacerse e despregar o seu mellor taekwondo, con acción de mondolio nako,  para remontar e finalizar gañando (22-21).

En cuartos de final esperaba a grega Eleni Ergati, unha rival moi dura, que impuxo moito ritmo. Ergati era máis forte físicamente, aínda que María tentouno todo e chegou a meterlle moita presión ao poñerse a so dous puntos. Ao final, 21-15.

Hoxe tamén competía en sénior -68 quilogramos Manu Parada (Natural Sport de Riveira), nun peso con 65 participantes. O primeiro combate foi contra o grego Dimitrios Parastatidis e non foi sinxelo. No primeiro combate, Manu ía por detrás no marcador (1-0) a pesar de que tiña a iniciativa, pero non conseguía puntuar. O segundo asalto foi decisivo, xa que Parada venceu por 8-3 e no terceiro, o galego foi controlando e aproveitando as ocasións que tiña para seguir sumando ata o 11-5 final.

Manu perdeu en segunda rolda ante o altísimo Boris Krasnov, do equipo nacional ruso. O galego soubo ler moi ben o combate nos primeiros asaltos, pero no terceiro, o ruso acelerou e xa non deu opción algunha a Parada. Krasnov foi prata no President Cup.

 

 

  • Publicado en Novas

Sete medallas garantidas no Mundial Praia na modalidade de freestyle

Hoxe celebrouse a fase clasificatoria para a final do Mundial Praia de Freestyle, que se está a disputar estes días en Rodas (Grecia) do 25 ao 28 de abril. Despois desta fase xa temos sete medallas garantidas, o que falta por saber é a cor de cada unha delas. En principio, está previsto que a final de freestyle teña lugar mañá.

 

Desta forma, Manu Paz (Hebe) logrou o pase para a final individual -17 anos coa segunda mellor cualificación, mentres que Adrián Alonso (Yidam) e Eirim Vaamonde (Yidam) acadaron o pase para a final en +18 masculino e feminino, respectivamente.

 

En parellas, as tres parellas que presentaba Galicia (Sandra Gardini-Adrián Alonso; Eirim Vaamonde-Aitor Priego e Alex Losada-Elena Varela) estarán na final, xunto a outra parella española.

 

E por último, o quinteto (Eirim Vaamonde, Aitor Priego, Miguel Barreiro, Sandra Gardini e Adrián Alonso) tamén ten segura a medalla de prata, ante a renuncia de Italia.

 

  • Publicado en Novas

Cloe Iglesias suma o segundo bronce para Galicia na Copa Presidente de Atenas

Segundo bronce galego na 3ª Copa Presidente de Europa, que se celebra do 25 ao  29 de abril en Atenas (Grecia). Nesta oportunidade a premiada foi a cadete Cloe Iglesias (Patiño) que logrou a medalla de bronce en -59 quilogramos. Ademais, acadou a clasificación para o Europeo cadete. Tamén participaron hoxe Vanesa Roo, que chegou ata os cuartos de final; Sara García (caeu en segunda rolda) e Iván García (perdeu en primeira).

Na categoría cadete, Cloe Iglesias (-59, Patiño) comezou co bo pe a Copa Presidente. A súa primeira contrincante foi a italiana Alice Baliva. Foi un combate axustado e táctico que Cloe decidiu con solvencia cunha acción arriba (5-3, para a galega). Na segunda rolda esperaba a rusa Anastasiia Aksenova, que librara na primeira eliminatoria. E a galega foi moi superior. Mandou dende o inicio no marcador, aínda que no primeiro asalto estivo un pouco máis apertado. A partir de aí, a galega puxo un pouco máis de ritmo e marchouse no marcador con facilidade (16-2).

 Nos cuartos de final Cloe vence a Anna Lobashova (Rusia) por 7-5 e logra así garantir unha medalla e ademais a clasificación para o Europeo cadete. Cloe foi por diante durante todo o combate, pero no segundo asalto, Lobashova logrou empatar. Pero a galega non perdeu a calma e cun ataque á cabeza da rusa logra a vitoria.

 En semifinais a rival foi a Lauren Larocca (USA) quen impediu a clasificación para a final da nosa deportista (12-6). No primeiro asalto Cloe ía por diante, pero no segundo Lauren logrou, primeiro empatar e nos instantes finais dese segundo asalto, adiantou no marcador á galega. E non terceiro, a estadounidense agrandou a distancia e non foi posible remontar. Larocca foi a campioa da President Cup.

 Tamén na categoría cadete Vanesa Roo (-37, Natural Sport Riveira) comezou o campionato contra a grega Lydia Pingou, unha rival de máis envergadura. Pero Vanesa estivo espectacular, liquidando esa diferencia de altura con accións continuadas. Así, foi sempre por diante no marcador para pechar o combate cun 14-10 ao seu favor.

No seguinte combate Vanesa venceu a  Kamila Gostenkova (Rusia) de forma absolutamente maxistral (30-14). Foi por diante durante todo o combate con moita claridade, con accións combinadas de peto e casco.

En cuartos de final a rival era unha española, Elsa Hernández, que fora bronce no Europeo cadete. E nesta oportunidade, Vanesa non puido gañar e quedou as beiras dunha medalla e da clasificación para o Europeo. Elsa amosou a súa “veteranía” (experiencia internacional) e despois dun primeiro asalto nivelado, logrou impoñerse con facilidade. Magnífico traballo da galega!

A sénior Sara García (-57, Dobok) gañou o primeiro combate á italiana Aurora Pinti, pero caeu en segunda rolda ante a turca Hatice Kübra  Ilgün (ouro na Universiada 2017 e prata mundial 2017) de forma moi clara e non puido seguir avanzando na competición.

O que non tivo sorte foi Iván García (-87, Mat’s) na categoría sénior. O galego caeu na primeira rolda contra o croata Iván Sapina. O noso deportista foi por detrás no marcador dende o primeiro asalto, con distancias curtas e sempre remontando. Pero no último, cando tiña que arriscar, o contrario logrou alcanzalo cunha técnica arriba e aumentou así o marcador, que xa foi imposible para Iván (14-8).

 Este torneo é unha competición G-2 e clasificatoria para o Europeo cadete, Europeo sub 21 e Europeo Sénior. Todo isto supón a presenza de grandísimos taekwondistas en busca dos seus obxectivos. En total hai case 2.500 deportistas inscritos nas diferentes categorías (cadete, júnior e sénior).

  • Publicado en Novas

Manuel Paz, bronce no Mundial Praia

Manuel Paz (Hebe) conseguiu a primeira medalla galega no 2º Mundial Praia de Rodas, que se iniciou hoxe coa disputa da modalidade de técnica. Mañá celebrarase a modalidade de freestyle.

 

En -17 individual masculino Manuel Paz comezou a competición contra o danés Danish Hameed, que eliminara en primeira rolda ao galego Álvaro Portela (Hebe). Manu fixo un magnífico papel e logrou superar ao representante de Dinamarca, cunha superioridade maior ao que amosa o resultado (3-2). No seguinte enfrontamento, Paz tivo como rival a outro galego, Ángel López (Mace Sport), que no seu primeiro duelo venceu a Daniel Halonen (Finlandia) con absoluta rotundidade (5-0). Era o choque decisivo porque o que gañase pechaba o bronce e Paz saíu vitorioso neste enfrontamento entre galegos (4-1), aínda que hai que destacar o magnífico torneo realizado por Ángel. Finalmente a organización decidiu celebrar as semifinais no día de hoxe e aquí foi onde rematou a aventura do moañés. Caeu ante Michelangelo Sampognaro (Italia), nunha loita moi axustada e non puido chegar a esa final soñada. Pero Manuel Paz sumou así a primeira medalla de bronce galega deste Mundial Praia.

 

Nesta mesma categoría (individual masculino -17) Álvaro Portela (Hebe) e Adrián Ventín (Mace) perderon no seu primeiro enfrontamento. Adrián tivo como rival ao representante de Gran Bretaña, que ao final acadou un bronce.

 

En individual masculino -30, Alejandro Losada (Neka) comezou vencendo ao representante de Bulgaria de forma clara e na segunda rolda, tiña como rival ao campión do mundo Joel Van Der Weide (Holanda) e non puido superalo. Pola súa banda Aitor Priego (Yidam) gañou a Miguel Barreiro (Yidam) na primeira eliminatoria, pero caeu na segunda rolda contra Finlandia.

 

En parellas -30 anos, Elena Varela e Alex Losada (Neka) caeron ante Italia en cuartos de final, polo que non puideron acadar medalla. Non foi a mellor actuación dos galegos, que técnicamente eran superiores, pero cometeron algún erros.

 

Ademais, a galega Sandra Gardini (Yidam) participou xunto a dúas andaluzas (Alba e Desiree) nun trío feminino. Perderon en primeira rolda ante Dinamarca. Apenas se coñecía e so adestraron xuntas un ratiño antes da competición, polo que é normal que houbese problemas de sincronización. Aínda así, acadaron a medalla de bronce.

 

 

 

 

 

  • Publicado en Novas

Julián Feijoó, bronce na Copa Presidente de Europa en Atenas

O cadete Julián Feijoó (-33, Couto), cunha fantástica actuación, acadou hoxe a medalla de bronce na 3ª Copa Presidente de Europa, que comezou hoxe en Atenas e rematará o próximo 29 de abril. Con este resultado ademais, o galego acadou a súa clasificación para o Campionato de Europa Cadete.

 

En primeira rolda Julián  venceu por unha diferenza de 20 puntos ao ruso Matvei Sobolev. No segundo combate o taekdondista do Couto superou ao representante greco Alexandros Reizis, tamén de forma moi clara (24-8) e no terceiro enfrontouse a outro grego, Konstantinos Ioannis Petroulis por 15-8. Así logrou plantarse nos cuartos de final onde esperaba outro deportista grego, pero Julián seguiu imparable e venceu por 14-3. Con este resultado o galego garantiu a súa clasificación para o Europeo cadete e a medalla na President Cup.

 

As semifinais celebráronse pola tarde e Julián tiña que enfrontarse a un ruso. Non estivo moi cómodo en ningún momento. O rival marchouse no marcador dende o inicio e o noso taekwondista non tivo opcións (20-7). O resumo non pode ser máis satisfactorio, con catro combates gañados de forma clara, un bronce e a clasificación para o Europeo Cadete.

 

Hoxe tamén competiu Sara Cortegoso (Mace Sport) en sénior -49 quilogramos, pero a galega perdeu no primeiro combate ante a rusa Regina Sakhautdinova. A rusa logrou escaparse fácil no primeiro combate e iso obrigou a Sara a ir a remolque. No segundo, a pontevedresa remontou e púxose a dous puntos, pero despois a rusa logrou alcanzar á nosa deportista cunha técnica á cabeza a xa abriu un oco imposible de superar (18:14).

 

Este torneo é unha competición G-2 e clasificatoria para o Europeo cadete, Europeo sub 21 e Europeo Sénior. Todo isto supón a presenza de grandísimos taekwondistas en busca dos seus obxectivos. En total hai case 2.500 deportistas inscritos nas diferentes categorías (cadete, júnior e sénior).

 

A Federación Galega despraza a un equipo formado por nove deportistas (Cloe Iglesias, Vanesa Roo, Julián Feijoo, María Ferreiro, Irene Montemuiño (cadete), Tania Castiñeira (júnior) e Sara Cortegoso, Iván García e José Fernández (sénior), e os técnicos Miguel Cortegoso, Pablo Carou e Noelia Pérez. Ademais, coa selección española viaxan os galegos Katia Calvar, Javier González, Manuel Parada e Pablo Fernández Eiras.

  • Publicado en Novas
Suscribirse a este canal RSS