Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Artigos filtrados por data: Xoves, 15 Novembro 2018

Eirim Vaamonde, sétima no Mundial de Freestyle de China-Taipei

Eirim Vaamonde (Yidam CEIP Balaídos) rematou na sétima posición na proba de freestyle individual feminina + 18 do Mundial de Técnica e Freestyle, que se está a disputar en China-Taipei (15 ao 18 de novembro). Nesta primeira xornada de competición este foi o mellor resultado dos participantes galegos. Tamén participaron Elena Varela e Alejandro Losada Rodríguez (Neka) en parella 1 e Gabriel Tembrás (Moodukwan) en júnior, pero non acadaron o pase á final.

 Eirim Vaamonde fixo unha magnífica competición e iso que todo se lle puxo en contra antes de comezar o seu exercizo. Na semifinal, cando xa estaba sobre o tapiz, equivocaron a música e en vez de poñerse a que correspondía á proba individual, tiñan a de parella. Así que Eirim tivo que saír correndo a buscar a música nun pen e entregarlla á organización e despois de todo iso, competir. Pero en vez de descentrarse, a viguesa creceuse e fixo unha das súas mellores actuacións, arrancando grandes ovacións do experto público. Así, logrou entrar na final na quinta posición, moi preto das medallas.

 Pero na final, a serie non foi tan exquisita como a primeira. Cometeu un par de erros e ante rivais desta calidade non se pode fallar, polo que baixou á sétima posición. Moi bo traballo.

 Na modalidade de técnica, hoxe tamén participaron Alejandro Losada e Elena Varela (Neka) en parella 1. Quedaron no posto 12º do seu grupo de 15, polo que non puideron meterse na final. Ambos son moi novos (19 anos) e este era o seu primeiro Mundial, polo que hai que valorar que mantiveron a calma e competiron a un bo nivel. Era unha categoría moi complicada, na que venceu Korea e con Tailandia na segunda posición.

 Por último, sinalar que Gabriel Tembrás (Moodukwan) participou en júnior individual na modalidade de técnica, pero non puido clasificarse para a final por moi pouco. Quedou décimo na súa serie e pasaban 8 á final, pero gran traballo do galego.

 Este Mundial, con récord de participación, é sen dúbida unha cita moi dura. Celébrase en China-Taipei, polo que hai unha enorme afluencia de competidores asiáticos, os grandes dominadores destas modalidades. Proba diso é o feito de que Korea gañou as catro categorías de técnica nas que participou e en freestyle quedou segundo.

 Mañá celebrarase a segunda xornada do campionato e teremos en acción a varios galegos: Os cadetes Alejandro Fernández (Escola Lucense) e Tomás Fernández (Kiap), en trío cadete; Noelia Pérez, Vanesa Ortega e Sonia Pérez (Hebe), en trío 2; Nerea Alamancos (Tao), en sénior 2 individual e Manuel Paz (Hebe), en freestyle -17 individual.

 

 

  • Publicado en Novas
Suscribirse a este canal RSS