Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Artigos filtrados por data: Domingo, 11 Novembro 2018

Tania Castiñeira, subcampioa de Europa sub 21 en Polonia

Tania Castiñeira (Hebe, +73 quilogramos) proclamouse hoxe subcampioa de Europa sub 21 en Varsovia (Polonia), sumando así a segunda medalla (ambas femininas) para Galicia neste campionato. A galega fixo unha competición espectacular, dominando e controlando todos os combates menos na final, onde non estivo cómoda.

 Tania, a pesar da súa idade, xa chegaba con bastante experiencia internacional ás súas costas (foi 5ª no Europeo júnior 2017 e ouro, na Copa Presidente de Atenas 2018, por exemplo) e con gañas de acadar unha medalla. A nosa deportista comezaba o Europeo fronte á rusa Ella Borisova, que era unha das favoritas para facerse co título. Pero enfronte estaba Tania que non lle deu opción algunha. Dominou o combate dende o inicio e  gañou por 3-5.

 En cuartos de final esperaba a alemá Sara Di Sinno, e novamente Castiñeira estivo imparable. Foi tremendamente superior e venceu 20-10. A medalla xa estaba asegurada, pero a deportista do Hebe ía paso a paso. E agora tocaba a semifinal contra Natalie Lauridsen (Dinamarca). Novamente Tania levou todo o peso do combate e sempre foi por diante no marcador, para rematar cun 6-4, que a mete na gran final contra a francesa Solène Avoulette.

 Neste último combate, Castiñeira non estivo cómoda, tal e como explicou, xa que era unha rival moi alta e non atopaba a forma de entrar: “Custábame moito achegarme para puntuar e tíñame moi ben pillada a garda”. Pese a todo estivo metida na final ata o último asalto: “Fumos 1-0 ata o último asalto, que me meteu un bandal. E nos últimos segundos, ao tentar facer eu unha acción con xiro ao casco para remontar, logrou impactar arriba”. Ao final, 6-0, e magnífica medalla de prata para Tania Castiñeira.

 O venres foi Sara Cortegoso (Mace Sport) quen nos deu a primeira alegría para o taekwondo galego no Europeo sub 21. A pontevedresa, que fixo un torneo excepcional, acadou a medalla de bronce en -49 quilogramos e estivo moi preto de meterse na gran final.

 

 

  • Publicado en Novas
Suscribirse a este canal RSS