Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Federación Galega de Taekwondo

Unai Silva, clasificado para o Mundial Júnior

Satisfacción a medias. Unai Silva (Mace Sport) acadou hoxe a clasificación para o Mundial Júnior de Túnez, tras vencer na preselección que se celebrou en Madrid. Pero no camiño quedou a taekwondista do Hebe, Tania Castiñeira, que non puido superar á súa rival, e non poderá acudir á cita mundialista.

 En -68 masculino Unai Silva (Mace Sport) enfrontouse ao canario Jesús Moreno na preselección disputada no CAR de Madrid e logrou unha ampla vitoria (29-20). No primeiro asalto, o combate estivo máis nivelado, xa que o canario lograba alcanzalo e sumar. Xa no segundo asalto, Unai comezou a controlar ao rival e logrou escaparse no marcador, de forma que non sufriu para garantir o triunfo e así a clasificación para o que será o seu segundo Mundial.

 Pola súa banda, no peso pesado, Tania Castiñeira (Hebe) volvía verse as caras con Ana Martos (Cataluña), que derrotara á galega no Campionato de España nun combate con polémica arbitral. Volveu ser unha loita moi apertada. Despois dos tres primeiros asaltos, o marcador era de empate (1-1) e desta forma foron ao punto de ouro e volveron empatar. Entón os técnicos da Española deciden que se faga un quinto asalto. Tania conseguiu poñerse por diante pero a falta de 15 segundos para o final a competidora catalá logrou alcanzala na cabeza e adiantarse, e a nosa taekwondista xa non tivo opción a remontar (2-4).

 Tanto Unai coma Tania foron bronce no Campionato de España, pero lograron un magnífico resultado no Open de Holanda (Tania foi ouro, mentres que Unai prata) a pasada fin de semana, que tamén era clasificatorio para o Mundial júnior, mentres que os seus contrincantes non renderon a un bo nivel. Por este motivo houbo que celebrar esta preselección.

 Desta forma, no Mundial Júnior de Túnez (do 9 ao 13 de abril) Galicia contará con cinco representantes: Pablo Patiño (-63, Patiño), Arlet Ortiz (-52, Mat's), Alba Vidal (-55, Jido), Ana Dosil (-63, Natural Sport) e Unai Silva (-68, Mace Sport).

  • Publicado en Novas
Suscribirse a este canal RSS