Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Federación Galega de Taekwondo

Catro ouros, tres pratas e sete bronces para a selección galega júnior no Campionato de España en Córdoba

As e os deportistas da Federación Galega de Taekwondo lograron un total de catorce medallas (catro ouros, tres pratas e sete bronces) no Campionato de España júnior de Combate, que se celebrou hoxe en Córdoba. Estes bos resultados permitiron a Galicia subirse ao podio na clasificación por equipos. Galicia venceu na clasificación por equipos femininos, mentres que foi segundo na clasificación xeral e terceiro, na clasificación de equipos masculinos.

 

Os ouros foron para Arlet Ortiz (-52, Mat’s), Alba Vidal (-55, Kido), Ana Dosil (-63, Natural Sport) e Pablo Patiño (-63, Patiño).

 

En -52 quilogramos feminino, gozamos dunha final galega. Arlet Ortiz defendía o título do pasado ano e volveu estar a un nivel excepcional. No primeiro combate venceu á representante de Euskadi Onintze Carrasco por 10-0, nun combate que foi máis complicado do que o resultado mostra. No segundo fronte a Judit Merlosen (Cataluña) a galega xa tivo mellores sensacións e venceu por 17-5. A semifinal  foi contra Lorena Macía (Valencia), nun combate máis parado, xa que a rival tiña máis envergadura que Arlet e iso dificultaba o traballo da nosa deportista (6-2). A final foi contra a galega Alma Pérez (Suh Sport) e foi a loita máis apertada, xa que ambas se coñecen a perfección. Arlet logrou puntuar arriba no primeiro asalto e sempre foi por diante, aínda que con Alma facendo un gran traballo e dando moita emoción ata o final (3-2). Alma, para lograr esa medalla de prata tivo unha andaina espectacular: Venceu a Laura del Moral (Castela a Mancha) por 21-3; á murciana Andrea Rabal (1-21), á catalá Laura Bonals (15-7) e na semifinal á andaluza Elena Moreno (18-5). Grandísimo traballo de ambas deportistas galegas!

 

En -63 feminino houbo dobrete galego. Ana Dosil (Natural Sport) logrou a medalla de ouro, mentres que Catia García (Mat’s) foi  bronce.  Dosil gañou no primeiro combate a Aroa Bujedo (Euskadi) por 8-5 e así garantiu a medalla. Na semifinal superou a Yaiza Sissoko (Baleares) nun fermoso combate (10-12) e na final venceu a Leyre Zugazaga (Madrid) por 7-6. Precisamente Leyre superara na semifinal a tamén galega Catia García (4-3). Antes Catia venceu con rotundidade a Laura Muñoz (Castela a Mancha) por 15-1 e posteriormente a Mar Machi (Valencia) por 8-0 nos cuartos de final.

 

Alba Vidal (-55) foi o terceiro ouro galego feminino. Para iso venceu na primeira rolda a Marta Gomila (Baleares) por 7-0, e no segundo combate superou a Claudia Ramos (Canarias) con enorme superioridade (4-24). En semifinais gañou a Raquel Manzano (Madrid) por 11-15, mentres que na final venceu a Ana Martínez (Castela e León)  no punto de ouro.

 

Pablo Patiño (-63) logrou o ouro tras vencer a Agustín Mayor (Andalucía) en primeira rolda por 16-9, mentres que en segunda superou a Adrián Alcalá (Valencia) por 13-8. Na semifinal tiña como rival a Miguel Arenas (Baleares) e tamén foi moi superior (3-10). E a súa magnífica actuación rematou cunha apertadísima final contra o catalá Adrián Madueño, que se decidiu no punto de ouro.

 

Ademais da prata de Alma, houbo dúas máis para Elena Pérez (-46, Natural Sport) e Desiree Rivadulla (+68, Suh Sport).

 

En +68 tamén houbo dobrete galego, aínda que aquí se escapou o título que defendía Tania Castiñeira (Hebe), que este ano tivo que conformarse co bronce. Desiree Rivadulla eliminou na primeira rolda a María Cifuentes (Baleares) de forma clara (0-7), e posteriormente a Silvia Boix (Cataluña) por 5-1. Na semifinal venceu a Neus Domenech (Valencia) por 5-3 e caeu na final ante Ana Martos (Cataluña) por 3-1. Precisamente Martos superara na semi á Tania Castiñeira nun combate complicado, axustado e con erros arbitrais. En primeira rolda a taekwondista do Hebe venceu a Violeta Pérez (Euskadi) por un incontestable 21-0. Pero a semifinal foi moi dura ante Martos. Nin Tania nin Ana lograron puntuar e o combate foi ao punto de ouro, no que se deu por vencedora á catalá. Reclamouse erro no sistema e aceptouse esta reclamación, pero finalmente os árbitros deron por vencedora á catalá a pesar de que foi Tania quen tivo a iniciativa no combate dende o mesmo inicio.

 

En -46 quilogramos, Elena Pérez logrou o segundo posto do caixón no podio. Eliminou no primeiro combate á catalá Ashley Bourreau (5-7), no segundo a Marian Real (Canarias) por 12-13, en semifinais á valenciana Sigrid Martínez 3-4). Na final, a nosa deportista non tivo opcións contra Alba Palmer (Valencia). Prata para Elena.

 

Ademais houbo cinco bronces masculinos, que foron para José García (-48, Natural Sport), Iván Rodríguez (-73, Taekanart), Unai Silva (-68, Mace Sport), Brais Iglesias (-78, Natural Sport), Daniel Corrales (+78, Patiño).

 

En -68, Unai Silva sumou unha medalla de bronce, tras gañar en dous combates. No primeiro venceu a Juan Alonso (Asturias) por 27-11; no segundo a Sergio Samaniego (Andalucía) por 17-2. Caeu na semifinal nun axustadísimo combate contra Antoni Bauzá (14-15).

 

Iván Rodríguez tivo que vencer en dous combates para garantir a medalla de bronce. Superou no primeiro a Iker Benedicto (Aragón) nun axustado combate (13-12) e no segundo ao andaluz Francisco García por 17-9. Na loita por meterse na final, perdeu ante Gabriel Delgado (Canarias).

 

José García venceu ao andaluz Daniel Domínguez (12-7) en primeira rolda e na segunda ao canario Sirus Rafii Tabatabai (22-19). Caeu na semifinal contra o valenciano Iván Soriano, que foi o que se proclamou campión de España.

 

En -78, Brais Iglesias gañou en cuartos de final a David García (Murcia) por 8-11, pero foi superado na semifinal polo madrileño Gabriel Molina (20-12). Molina, proclamouse campión de España.

 

O último bronce foi para Daniel Corrales en +78 quilogramos, que venceu en cuartos de final ao canario Miguel Ángel Vargas (6-2). Na semifinal perdeu contra Alejandro Caravaca (Andalucía) por 5-11.

 

 

  • Publicado en Novas
Suscribirse a este canal RSS