Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

TRECE MEDALLAS GALEGAS NO EUROPEO CADETE DE CLUBS

Continúa a choiva de medallas galegas en Oropesa do Mar (Castellón). Onte celebrouse o Campionato de Europa de Clubs na categoría cadete e as e os deportistas galegos sumaron un total de tres ouros, catro pratas e seis bronces.

En -59 quilogramos feminino tivemos dobrete galego no podio, con Ainoha García (Couto) como campioa de Europa de clubs e Cloe Iglesias (Patiño), bronce.  Ambas cruzáronse en semifinais , no que foi unha final anticipada dada a enorme calidade de ambas e o axustado do resultado. Finalmente, Ainoha logrou a vitoria no punto de ouro. Despois Ainoha, que cambiou de peso con respecto ao Europeo de Seleccións Nacionais da semana pasada onde competiu en -55, venceu na final a Elena Cantarero por 7-4.

Tamén tivemos a dous galegos no podio en -57 quilogramos masculino con Martín Conde (Couto) e Iker García (Natural Sport Riveira) como protagonistas. Martín Conde gañou tres combates para plantarse na final contra Iker, que tamén venceu a tres contrincantes. A final galega foi para Martín nun fermoso choque que finalizou con 17-14. Ouro para Conde e prata para García.

Sergio Troitiño (Mat’s) proclamouse campión de Europa cadete de clubs en -65 quilogramos, despois de superar dos combates para chegar á final e vencer a David Rodríguez (Benavente) por 8-11.

En -59 feminino outra vez tivemos a dúas galegas no podio: Nuria Cernadas (Natural Sport Videlgi) foi prata, mentres que Laura Penas (Kwon Betanzos) foi bronce. Ambas enfrentáronse en semifinais e resultou vencedora Nuria.

Ademais houbo dúas pratas para Diego Álvarez (-53 quilogramos, Natural de Sada) e Anxo Vidal (-33, Natural Sport Riveira). Diego superou catro combates para plantarse na final onde perdeu contra Francisco López nun emocionante enfrontamento (19-18). Pola súa banda, Anxo Vidal gañou tres choques para caer na final contra un ucraíno.

Finalmente destacar os bronces de Diego Rodríguez (-49, Mace Sport), Adrián Abeijón (-45, Natural Sport Riveira), Antía Sánchez (-55, Mace Sport) e Irene Montemuíño (-55, Natural Sport Riveira).

Noraboa a tod@s e seguimos traballando!!

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.