Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Tres ouros, tres pratas e un bronce galegos, no Campionato de Europa Máster

As e os taekwondistas galegos acadaron un total de tres ouros, tres pratas e un bronce no Campionato de Europa Máster, que se celebrou estes días en Oropesa del Mar (Castellón). Jacobo Ríos (Hebe), Salvador González (Mace Sport) e Nazaret Tilve (As Sport) lograron os ouros; as pratas foron para Erea Andrade (As Sport), Cristóbal Boudjenane (Boud-Sport) e Jesús Couso (Hebe) e o bronce para Óscar Franco (Patiño Moaña).

 Jacobo Ríos competiu na categoría máster A (de 35 a 39 anos) de -68 quilogramos. En semifinais enfrontouse ao francés Aomar Mami, un vello coñecido para Jacobo, xa que competiran no pasado Europeo de Luxemburgo en 2017. O combate foi tenso, xa que o francés traballaba moito ao choque, pero o enfrontamento resolveuse a favor do galego 12-11.

 Na final, o taekwondista do Hebe encontrouse co representante español Teodoro Prieto. Dende o iniciou do combate Jacobo estivo por diante no marcador, amosando unha grande superioridade, a pesar dos intentos de Prieto por frenalo. Resultado final, 11-3. Jacobo xa fora campión de Europa en 2015 (Niza) e subcampión en 2017.

 Salvador González (-68 quilogramos, categoría B –de 40 a 44 anos-) tamén logrou o ouro, tras vencer en dous combates. Nas semifinais enfrontouse a Raphael Haddad (Francia) e logrou a vitoria nun emocionante e axustado combate, que rematou co resultado de 4-5.

Na final, Salva tiña como rival ao español José Ángel Pablos e novamente fixo un magnífico traballo para impoñerse (10-12) e proclamarse así campión de Europa, por vez primeira

 Nazaret Tilve (-49 quilogramos, veterana A) tamén logrou proclamarse campioa de Europa, tras vencer na final á francesa Sabrimna Rouhani. Foi un fermoso e emocionante combate, no que Nazareth logrou impoñerse (14-15) e conseguir así o ouro.

 En -67 quilogramos (categoría A) Erea Andrade estivo moi preto do ouro, xa que foi por diante do marcador durante case todo o combate. A rival era a Marine Bovo (Francia) e a viguesa estivo mandando ata os últimos 30 segundos, nos que se lle escapou o título (2-4). Prata para Erea!

 Cristóbal Boudjenane logrou a medalla de prata en -68 quilogramos ( veterano C) tras superar ao francés Jean Marc Husson en semifinais por 9-7. Na final, Cristóbal enfrontouse ao canario Miguel Ángel Santiago, pero o galego non puido superalo ao caer por 15-7. Prata para Boudjenane!

 Jesús Couso (ouro no Europeo de Niza 2015) foi outro dos nosos medallistas. Era o único deportista inscrito na categoría de máis de 45 anos de -80 quilogramos, polo que solicitou competir no mesmo peso pero cos deportista de entre 40 e 45 anos.

 O deportista do  Hebe de Moaña cruzaríase no seu primeiro combate contra o serbio Marin Dujic. Aínda que o serbio era  corpulento e forte, Suso soubo traballar moi ben a distancia e conseguiu controlar o combate en todo momento (6 -18, resultado final).

 Xa na final toparíase co inglés Jakub  Pachansky. Suso foi por diante varias veces ao longo do combate pero a falta de poucos segundos, Couso cometeu un par de accións penalizables coas que o marcador se puxo na súa contra (9-10).

 Por último, Óscar Franco acadou o bronce na categoría de veterano A, en -80 quilogramos. O taekwondista do Patiño caeu na semifinal contra o francés Mamoudou Bassoum con certa claridade (20-9).

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.