Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Cloe Iglesias, campioa de Europa Cadete, mentres que Eduardo Rejo acada o bronce

As medallas galegas fixéronse esperar ata a última xornada do Europeo Cadete, pero hoxe houbo dúas para os nosos deportistas. Cloe Iglesias (-59 quilogramos, Patiño Moaña) proclamouse campioa de Europa tras vencer nos cinco combates disputados, mentres que Eduardo Rejo (-61 quilogramos, Mace Sport) foi bronce.

 Cloe Iglesias (-59 , Patiño Moaña) tivo unha traxectoria impecable. Comezou contra a británica Amy Bone, á que venceu 3-8. Houbo algúns nervios na galega, pero foi quen de liquidalo con oficio e saber estar. Posteriormente superou a Julia Voll (Alemaña), nun combate no que foi de menos a máis, para finalizar cun dominio moi rotundo (4-21). Nos cuartos de final gañou a Justyna Kowalkowska (Polonia) A polaca comezou moi agresiva, pero Cloe soubo esperala e con varias anticipacións logrou un resultado avultado e cómodo (15-4).

 Pero a deportista do Patiño quería máis e seguiu firme na busca do título. Na semifinal venceu a Vesna Ajdukovic (Serbia), cunha superioridade impresionante, xa que ía 20 puntos arriba no segundo asalto (22-1 final) e logrou así plantarse na gran final contra a rusa Anna Lobashova. Outra vez Cloe estivo perfecta e controlando o combate en todo momento. Só o ímpeto final da rusa maquillou o marcador, para rematar cun 13-11 final, que non reflicte exactamente o visto no tapiz. Título europeo para Cloe Iglesias!

Eduardo Rejo (-61, Mace Sport) comezou a competición contra o francés Lawrence Felicite ao que superou, nun combate vibrante, que non se decidiu ata o final (24-29). Nos cuartos de final gañou a Berken Pazar noutra loita espectacular e axustada (38-40). Na semifinal o galego perdeu contra Bassem Amri (Francia). O pontevedrés non foi capaz de frear as accións do francés co puño e finalmente caeu por 20-9. Gran traballo e magnífica medalla de bronce para Rejo!

O sábado competiron Ainoha García (-55, Couto), que quedou ás portas da medalla, e Irene Montemuíño (-51 quilogramos, Natural Sport Riveira), que perdeu na primeira rolda.

 Ainoha García comezou a competición contra Radina Bortisova (Bulgaria) A nosa deportista comezou un pouco atenazada e ía por detrás no marcador, pero no último asalto deixou atrás a presión e logrou remontar ata acadar unha vitoria bastante ampla (20-8). En segunda rolda a rival foi a rusa Anastasiia Egarmina. A galega sufriu un pouco, pero finalmente logrou impoñerse no punto de ouro (0-3), tras finalizar o combate empatadas. Nos cuartos de final esperaba a súa compañeira da selección española Nerea Fernández e nesta ocasión, Ainoha non puido con ela e perdeu por 5-13.

 Peor sorte tivo Irene Montemuíño que caeu no primeiro combate contra a grega Ifigeneia Liakata por 13-21. Irene fixo un magnífico combate e foi en varias ocasións por diante no marcador, pero a grega remontou e cando a galega arriscou, aproveitou para aumentar as distancias.

 Julián Feijoó (-33 quilogramos, Couto), que foi o primeiro en competir no Europeo, caeu na primeira rolda do torneo. O deportista do Couto enfrontouse a Ucraína, un rival forte e dinámico, que controlaba moi ben as técnicas de xiro, e coas que sorprendeu no primeiro asalto ao galego. No segundo asalto, a presión e a ansiedade atenazou a Julián e o combate escapouse a favor de Maksym Manenkov, que finalmente foi prata neste peso.

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.