Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Primeira xornada do Europeo sub 21 de Polonia

Pasou a primeira xornada do Europeo sub 21 de Polonia sen medallas para as representantes galegas. As primeiras en competir foron Alma Pérez e Arlet Ortiz, ambas en -53 quilogramos. Arlet gañou dous combates e perdeu no terceiro contra Inese Tarvida, que ao final logrou o título europeo. Pola súa banda, Alma caeu no primeiro combate ante a eslovaca Briskarova.

 

Arlet Ortiz (Mat’s) foi a primeira en competir no peso de -53 quilogramos, no que participaban 38 taekwondistas, e cun altísimo nivel. En primeira rolda tivo como rival á portuguesa Patricia Frois e Arlet foi moi superior, para gañar por un contundente 11-5: “Sentinme moi cómoda e probei outras cousas que me serviron para os demais combates”, explicou. A continuación esperaba a grega Paraskevi Paitaridou e foi un combate moito máis pechado e duro. Comezou puntuando a galega (2-0) e foi arriba ata o final, no que recibiu unha amonestación e pechou a vitoria cun 2-1 final.

 

 No terceiro combate enfrontouse á lituana Inese Tarvida, unha das favoritas xa que é bronce mundial absoluto. O combate estivo bastante axustado ata o segundo asalto, pero no terceiro, a galega tivo que arriscar para recortar distancias, e isto foi aproveitado por Tarvida para ampliar o marcador. Ortiz está satisfeita, “sentinme moi ben en todos os combates e estou contenta”.

 

Alma Pérez (Suh Sport) enfrontouse en primeira rolda con Gabriela Briskarova (Eslovaquia), unha rival dura e cun gran currículo. A galega chegou a estar empatada no último asalto, pero aí Briskarova amosou a súa experiencia: Escapóuseme nos últimos 30 segundos, nos que me puntuou varias veces”. O resultado final foi de 7-11. Pese a todo, Alma valora o feito de disputar un Europeo: “Aínda que non puiden achegarme ás medallas, quédome coa experiencia de pelexar nun campionato desta magnitude”.

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.