Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Case 1.000 deportistas participarán esta fin de semana nas Copas Deputación de Técnica

Esta fin de semana (27 e 28 de outubro) celebraranse as catro fases provinciais de técnica adulto e infantil da Copa Deputación na que participarán preto de 1.000 deportistas.  Ademais, o domingo 28 disputarase, á vez que a Copa de Pontevedra en Vilagarcía, o Campionato Galego de Exhibición de adultos.

 Copa Deputación. O sábado 27 terán lugar as fases provinciais de A Coruña, Lugo e Ourense. A proba da provincia da Coruña disputarase no Pavillón Municipal O Conchido de Serra de Outes (Praza de Galicia, s/n), organizada pola Natural Sport Riveira, coa participación de 244 deportistas.

 Na fase de Ourense (organizada polo club Couto e que se disputará no Pazo dos Deportes Paco Paz da capital ourensá) competirán 109 deportistas, mentres que Lugo (co Neka como organizador) contarán con 183 taekwondistas no Pavillón Municipal de Taboada (Rúa Trapero Pardo s/n).

 A fase provincial de Pontevedra, organizada polo Olimpic no Pavillón de Fontecarmoa en Vilagarcía, será a única que se dispute o domingo (a partir das 9:00 horas) e a que ten a maior inscrición (421). Ademais, ás 11:00 horas celebrarase o Campionato Galego de Exhibición de Adultos, no que poderemos gozas coas exhibicións dos clubs Mace Sport, Olimpic, Tao e Yidam. Espectáculo asegurado.

 Hai que recordar que 1/3 dos participantes das Copas Deputación da categoría amateur acadará a participación para a Copa Xunta, que se disputará a mediados de decembro en Vigo. Dende hai un par de anos a Copa Deputación, ademais da categoría amateur, inclúe a competitiva, na que a metade dos participantes clasifícanse para a Copa Xunta, na que estarán en xogo puntos para o ránking galego de técnica (clasificatorio para os Campionatos de España).

 A Federación Galega de Taekwondo repartirá un agasallo entre todas e todos os participantes, xa que o obxectivo prioritario desta competición é a participación e a promoción deste deporte. Estas probas son patrocinadas polas deputacións provinciais e organizadas pola Federación Galega de Taekwondo en colaboración cos clubs Natural (A Coruña), Neka (Lugo), Couto (Ourense) e Olimpic  (Pontevedra).

 

 

 

 

 

 

 

Derradeira modificación o Venres, 26 Outubro 2018 13:10
Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.