Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

O IV Open Internacional Vila de Moaña reunirá esta fin de semana a 600 taekwondistas

Esta fin de semana (29 e 30 de setembro) celébrase o IV  Open Internacional Vila de Moaña no que participarán máis de 600 taekwondistas de combate, técnica, freestyle e exhibición. Este open (categoría RG-2) será o segundo disputado, tralo de Ourense, do circuíto de torneos ranqueables da Federación Galega de Taekwondo correspondente a esta tempada. Neste torneo participarán 40 clubs de toda a xeografía galega, do Norte de Portugal e Castela e León.

 O sábado 29 de setembro, nas seis pistas dispostas no pavillón, terá lugar a modalidade de combate con 350 deportistas. Pola mañá (de 09:30 a 14:00 horas) será a quenda para a categoría absoluta e cadete mentres que pola tarde (de 15:30 a 20:30 horas) será o momento das categorías júnior, precadete e infantil.

 Na competición participarán deportistas laureados coma a mundialista júnior Alba Vidal, Sara Cortegoso (campioa de España absoluta), Miryam García (campioa de España universitaria, bronce no Campionato de España sub 21), Pablo Patiño (quinto clasificado no Mundial júnior), Daniel Corrales (subcampión de España sub 21), Alma Pérez (campioa de España sub 21 e clasificada para o Europeo) ou os internacionais cadetes Ainhoa García, Julián Feijoó e a local Cloe Iglesias, entre outros moitos deportistas destacados.

 O domingo disputarase a competición nas modalidades de técnica, exhibición e freestyle, coa participación de 260 deportistas.

 Ás 10:00 horas comezará a modalidade de poomsae ata as 12:15 horas, na que se iniciará a competición en freestyle, para pechar ás 13:15 horas cos equipos de exhibición. Esta xornada do domingo contará con campións de España e internacionais nas diferentes modalidades e tanto en infantil como en adulto.

 Este torneo, organizado polo club Patiño Moaña en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o Concello de Moaña, forma parte do ranking galego. A entrada será gratuíta, pero dende a organización solicítase ao público asistente a colaboración coa Protectora de Animais do Morrazo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.