Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

A selección galega cadete feminina, prata no Campionato de España

Destacado A selección galega cadete feminina, prata no Campionato de España

As e os deportistas galegos da categoría cadete acadaron un total de 13 medallas (tres ouros, dúas pratas e oito bronces) no Campionato de España Cadete, que se celebrou onte en Marina D’Or (Castellón). A selección galega cadete feminina acadou a medalla de prata na clasificación por equipos.

 

Categoría feminina

 

Cloe Iglesias (-59, Patiño) logrou proclamarse campioa de España tras vencer en catro combates con autoridade. A galega comezou a competición contra Samira Martínez (A Rioxa) e un claro 0-13 ao seu favor. En cuartos a rival foi Paula Torregrosa (Valencia) e nova vitoria contundente (1-21) e nas semifinais tivo o combate máis apertado contra Elena Cantarero (Castela a Mancha). Cloe gañou por 6-4. A final foi contra a andaluza Mónica Vázquez e a deportista do Patiño volveu ser infinitamente superior (20-0).

 

O segundo ouro galego foi para Irene Monteagudo (-51, Natural Sport Riveira), nun torneo perfecto. Irene superou a Erika Martínez (Euskadi) en primeira rolda (0-6) e a Judith Palacios (Cataluña) en cuartos (13-6). En semifinais eliminou a Neus Valbuena (Valencia) por 7-27 e na final foi moi superior á catalá Tracy Panopio (12-22). Ouro para a deportista do Natural.

 

En -55, houbo dúas medallas galegas. Fátima Martínez (Couto) acadou a prata, mentres que Ainhoa García (Couto) foi bronce. Fátima gañou catro combates para lograr plantarse na final. Na primeira eliminatoria superou a Iraya Peque (Asturias) por 17-9 e posteriormente a Wiam Margoum (Valencia) por 1-11. Nos cuartos de final eliminou á canaria Nadya Parra (8-1) e nas semifinais venceu á extremeña Amanda Mendo (14-2). So non puido coa madrileña Nerea Fernández, quen xa en semifinais superara á outra galega do peso. Nerea gañou na final 18-8.

 

Pola súa banda, Ainhoa  gañou a Ainhara Santana (Canarias) por 15-5 e a Naria García (Rioxa) por 10-2. Así garantiu a súa medalla. Na semifinal perdeu ante Nerea Fernández (Madrid) nun axustado combate (10-14).

 

A última medalla cadete feminina galega foi o bronce de Yadira Reimúndez (Mat’s) en -47 quilogramos. A deportista gañou dous combates (á canaria Victoria Pérez por 10-2 e á valenciana Lorena Herraiz por 0-2). Na semifinal caeu derrotada ante Ezoe ALberola (Cataluña) por 5-11.

 

Categoría masculina

 

Eduardo Rejo (Mace Sport, -61) logrou o título de campión de España tras lograr vencer en catro combates, en todos eles con bastante comodidade. O primeiro foi contra Pau Rigo (Baleares) e Rejo venceu 17-5; en segunda rolda superou a Enrique Durán (Andalucía por 13-17 e na semifinal deixou atrás ao catalá Joshua Maaño (22-7). A final foi contra o canario Juan Airam Coello e o resultado é incontestable: 3-24 para o galego.

 

En – 41 houbo dúas medallas galegas: Manuel Castro (BoudSport) foi prata e Samuel Meilán (Tao), bronce. Manuel venceu a Javier Navarro (Baleares) por 24-10; a Miguel Galilea (A Rioxa) por 23-7 e a Héctor López (Madrid) por 19-14. E así logrou meterse na gran final, onde esperaba o valenciano Marcos Jiménez, que foi mellor (26-9). Magnífica prata para Manuel Castro. No outro lado do cadro atopábase Samuel Meilán, quen gañou a Carlos Navarro (Baleares) por 5-11 e a Víctor del Rosario (Canarias) por 7-20. Caeu na semifinal ante Marcos Jiménez por 21-14.

En -49 quilogramos, Martín Conde (Couto) e David Barbosa (Budo Castrelos) lograron dúas medallas de bronce. Martín superou dúas eliminatorias para acadar a medalla: venceu a Alejandro Ortiz (Cataluña) por 15-3 e a Iván Salas (Navarra) por 1-18. Caeu na semifinal ante o madrileño Jesús Fraile (30-16), que foi o que se proclamou campión de España. Mentres, David Barbosa gañou en tres combates: a Aduén Viera (Canarias) por 8-24; a Guillermo Lafuente (Aragón) por 15-13 e a Diego Librado (Madrid) por 8-17.  Perdeu na semifinal ante o catalá Rolando Duque (13-20).

 

Julián Feijóo (-33, Couto) tamén sumou unha medalla de bronce. Venceu a Alexis de la Fuente (Madrid) por 7-3; a Jorge Almeida (Baleares) por 17-19 e a Aingeru Araújo (Euskadi) por 23-7. Foi derrotado na semifinal polo representante de Andalucía, Jacob Muñoz, nun disputado combate (11-16).

 

O bronce de Darío Fernández (-65, Hebe) concretouse ao vencer a Guillermo Expósito (Madrid) dunha forma clara (10-20). Na semifinal perdeu contra o catalá Arnau Fumado (ouro).

 

Hugo Trigo (+65, Maniotas) logrou a medalla de bronce, ao superar nos cuartos de final a Airam Afonso (Canarias) por 2-6. Na semifinal caeu nunha  fermosa loita ante o que ao final se proclamou campión de España. O valenciano Daniel Ortuño (22-18).

 

 

 

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.