Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Galicia remata o Mundial Praia con seis medallas en rompementos

Rematou o Mundial Praia de Rodas (Grecia) e fíxoo coa disputa da modalidade de rompementos na que Galicia volveu brillar. Así, a selección galega puido despedirse con seis medallas máis (tres pratas e tres bronces). Ademais, hai que destacar que Miguel Barreiro (Yidam) foi seleccionado para formar parte do equipo de exhibición da Federación Mundial do 1 de xullo ao 31 de decembro.

 En Spinning Kick –rompementos de xiro vertical e horizontal- houbo dúas medallas:  Manuel Paz (Hebe) foi prata e Adrián Ventín (Mace Sport), bronce. Espectacular traballo de ambos que fallaron en dúas táboas. Finalmente os xuíces puntuaron máis a Manu, pero hai que destacar a enorme potencia de Adrián.

 En Freestyle Breaking -combinación de rompementos, ata dez e nun tempo máximo de 2 minutos-, tamén dobrete galego: Medalla de prata para Miguel Barreiro (Yidam) e bronce para Adrián Alonso (Yidam). Miguel estivo case perfecto –só fallou un rompemento- e a altura que alcanza da moitísima espectacularidade. Pola súa banda, Adrián Alonso tamén destacou pola potencia que ten ao facer as súas acrobacias.

 En Jumping Múltiple Kick Ángel López (Mace Sport) acadou a medalla de bronce. O galego saíu a por todas e decidiu arriscar subindo a altura das táboas e, quizais por iso, fallou un pouco máis que na semifinal.

 Por último, en High Kick Performance (a patada máis alta) Miguel Barreiro (Yidam), o home máis destacado do día, acadou outra medalla de prata, por detrás do coreano. Onte a altura máxima foi 2,60 metros. Hoxe partiron de 2,30 e foron subindo ata  2,65 metros.

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.