Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Día sen medallas para Galicia na Copa Presidente de Atenas

No día de hoxe participaban catro galegos na Copa Presidente de Atenas, na penúltima xornada deste importante torneo. Pero nesta oportunidade, os nosos deportistas non puideron acadar unha medalla. José Fernández e Irene Montemuiño caeron nos oitavos de final, despois de facer unha boa actuación. Pola súa banda, Katia Calvar e Pablo Fernández Eiras perderon no segundo combate.

                                                           

José Fernández (-74, Natural Sport) gañou no primeiro combate contra o chipriata Andreas Stylianou con certa comodidade (14-4). En segunda rolda, José enfrontouse ao turco Kutay Cekem ao que superou no punto de ouro despois de rematar os tres asaltos con empate (4-4). Foi un duro rival, ao que logrou superar puntuando arriba. En oitavos de final esperaba Marko Mutak (Croacia), un vello coñecido para o noso taekwondista. O combate estivo moi apertado ata o final, cun José excepcional, que loitou ata o final polo triunfo, que se decidiu por pequenos detalles a favor de Mutak (5-4). Ao final o croata logrou a medalla de prata.

 

A cadete Irene Montemuíño (-51, Natural Sport) comezou a competición fronte a Chrysanthi Maziani (Grecia) cunha clara vitoria (18-9) para seguir avanzando. Venceu tamén no segundo combate con solvencia á turca Berra Nur Aktas (4-18) e caeu en oitavos de final contra Svetlana Dikova (Rusia). Foi unha loita complicada, xa que a rusa tiña unha moi boa perna dianteira, que freaba a calidade técnica de Montemuiño, que se despediu así da posibilidade de clasificarse para o Europeo cadete.

 

Katia Calvar (-62, Mat’s) venceu en primeira rolda á rusa Anna Kashirina por 8-6. No segundo combate esperaba unha coñecida, a española Jone Magdaleno, que logra vencer a Katia por 13-8.

 

Pablo Fernández Eiras (+87, Mat’s) superou a primeira rolda, pero caeu en segunda contra Oleg Kuznetcov (Rusia), quen ao final logrou a vitoria neste peso.

 

Mañá remata a Copa Presidente coa participación da júnior galega Tania Castiñeira (+68, Hebe). A súa primeira rival será Eirini Tsogka (Grecia).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Derradeira modificación o Sábado, 28 Abril 2018 19:53
Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.