Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

María Ferreiro quedou a só un paso das medallas na Copa Presidente de Atenas

A cadete María Ferreiro (-44, Couto) quedou ás beiras da clasificación para o Europeo e das medallas, ao caer en cuartos de final da Copa Presidente de Europa, que se está a celebrar estes días en Atenas (Grecia). María gañou tres combates e caeu nos cuartos de final. Ademais, tamén competiu hoxe o sénior Manu Parada (-68, Natural Sport Riveira), que perdeu en segunda rolda.

María Ferreiro (-44, Couto) comezou a President Cup ante Daría Zinchenko (Rusia). A galega venceu por 8-6, nun combate moi táctico. En segunda rolda tiña como rival a Kristina  Polychronidi (Grecia) e a nosa taekwondista gañou por 9-5. Foi determinante a perna dianteira de María, que logrou puntuar tanto no peto coma na cabeza.

María xa estaba en terceira rolda e enfronte estaba a croata Kristina  Jakovljevic. Foi un combate incrible cunha gran remontada da galega. María non comezou especialmente ben, polo que tivo que refacerse e despregar o seu mellor taekwondo, con acción de mondolio nako,  para remontar e finalizar gañando (22-21).

En cuartos de final esperaba a grega Eleni Ergati, unha rival moi dura, que impuxo moito ritmo. Ergati era máis forte físicamente, aínda que María tentouno todo e chegou a meterlle moita presión ao poñerse a so dous puntos. Ao final, 21-15.

Hoxe tamén competía en sénior -68 quilogramos Manu Parada (Natural Sport de Riveira), nun peso con 65 participantes. O primeiro combate foi contra o grego Dimitrios Parastatidis e non foi sinxelo. No primeiro combate, Manu ía por detrás no marcador (1-0) a pesar de que tiña a iniciativa, pero non conseguía puntuar. O segundo asalto foi decisivo, xa que Parada venceu por 8-3 e no terceiro, o galego foi controlando e aproveitando as ocasións que tiña para seguir sumando ata o 11-5 final.

Manu perdeu en segunda rolda ante o altísimo Boris Krasnov, do equipo nacional ruso. O galego soubo ler moi ben o combate nos primeiros asaltos, pero no terceiro, o ruso acelerou e xa non deu opción algunha a Parada. Krasnov foi prata no President Cup.

 

 

Derradeira modificación o Venres, 27 Abril 2018 18:21
Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.