Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Cloe Iglesias suma o segundo bronce para Galicia na Copa Presidente de Atenas

Segundo bronce galego na 3ª Copa Presidente de Europa, que se celebra do 25 ao  29 de abril en Atenas (Grecia). Nesta oportunidade a premiada foi a cadete Cloe Iglesias (Patiño) que logrou a medalla de bronce en -59 quilogramos. Ademais, acadou a clasificación para o Europeo cadete. Tamén participaron hoxe Vanesa Roo, que chegou ata os cuartos de final; Sara García (caeu en segunda rolda) e Iván García (perdeu en primeira).

Na categoría cadete, Cloe Iglesias (-59, Patiño) comezou co bo pe a Copa Presidente. A súa primeira contrincante foi a italiana Alice Baliva. Foi un combate axustado e táctico que Cloe decidiu con solvencia cunha acción arriba (5-3, para a galega). Na segunda rolda esperaba a rusa Anastasiia Aksenova, que librara na primeira eliminatoria. E a galega foi moi superior. Mandou dende o inicio no marcador, aínda que no primeiro asalto estivo un pouco máis apertado. A partir de aí, a galega puxo un pouco máis de ritmo e marchouse no marcador con facilidade (16-2).

 Nos cuartos de final Cloe vence a Anna Lobashova (Rusia) por 7-5 e logra así garantir unha medalla e ademais a clasificación para o Europeo cadete. Cloe foi por diante durante todo o combate, pero no segundo asalto, Lobashova logrou empatar. Pero a galega non perdeu a calma e cun ataque á cabeza da rusa logra a vitoria.

 En semifinais a rival foi a Lauren Larocca (USA) quen impediu a clasificación para a final da nosa deportista (12-6). No primeiro asalto Cloe ía por diante, pero no segundo Lauren logrou, primeiro empatar e nos instantes finais dese segundo asalto, adiantou no marcador á galega. E non terceiro, a estadounidense agrandou a distancia e non foi posible remontar. Larocca foi a campioa da President Cup.

 Tamén na categoría cadete Vanesa Roo (-37, Natural Sport Riveira) comezou o campionato contra a grega Lydia Pingou, unha rival de máis envergadura. Pero Vanesa estivo espectacular, liquidando esa diferencia de altura con accións continuadas. Así, foi sempre por diante no marcador para pechar o combate cun 14-10 ao seu favor.

No seguinte combate Vanesa venceu a  Kamila Gostenkova (Rusia) de forma absolutamente maxistral (30-14). Foi por diante durante todo o combate con moita claridade, con accións combinadas de peto e casco.

En cuartos de final a rival era unha española, Elsa Hernández, que fora bronce no Europeo cadete. E nesta oportunidade, Vanesa non puido gañar e quedou as beiras dunha medalla e da clasificación para o Europeo. Elsa amosou a súa “veteranía” (experiencia internacional) e despois dun primeiro asalto nivelado, logrou impoñerse con facilidade. Magnífico traballo da galega!

A sénior Sara García (-57, Dobok) gañou o primeiro combate á italiana Aurora Pinti, pero caeu en segunda rolda ante a turca Hatice Kübra  Ilgün (ouro na Universiada 2017 e prata mundial 2017) de forma moi clara e non puido seguir avanzando na competición.

O que non tivo sorte foi Iván García (-87, Mat’s) na categoría sénior. O galego caeu na primeira rolda contra o croata Iván Sapina. O noso deportista foi por detrás no marcador dende o primeiro asalto, con distancias curtas e sempre remontando. Pero no último, cando tiña que arriscar, o contrario logrou alcanzalo cunha técnica arriba e aumentou así o marcador, que xa foi imposible para Iván (14-8).

 Este torneo é unha competición G-2 e clasificatoria para o Europeo cadete, Europeo sub 21 e Europeo Sénior. Todo isto supón a presenza de grandísimos taekwondistas en busca dos seus obxectivos. En total hai case 2.500 deportistas inscritos nas diferentes categorías (cadete, júnior e sénior).

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.