Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Manuel Paz, bronce no Mundial Praia

Manuel Paz (Hebe) conseguiu a primeira medalla galega no 2º Mundial Praia de Rodas, que se iniciou hoxe coa disputa da modalidade de técnica. Mañá celebrarase a modalidade de freestyle.

 

En -17 individual masculino Manuel Paz comezou a competición contra o danés Danish Hameed, que eliminara en primeira rolda ao galego Álvaro Portela (Hebe). Manu fixo un magnífico papel e logrou superar ao representante de Dinamarca, cunha superioridade maior ao que amosa o resultado (3-2). No seguinte enfrontamento, Paz tivo como rival a outro galego, Ángel López (Mace Sport), que no seu primeiro duelo venceu a Daniel Halonen (Finlandia) con absoluta rotundidade (5-0). Era o choque decisivo porque o que gañase pechaba o bronce e Paz saíu vitorioso neste enfrontamento entre galegos (4-1), aínda que hai que destacar o magnífico torneo realizado por Ángel. Finalmente a organización decidiu celebrar as semifinais no día de hoxe e aquí foi onde rematou a aventura do moañés. Caeu ante Michelangelo Sampognaro (Italia), nunha loita moi axustada e non puido chegar a esa final soñada. Pero Manuel Paz sumou así a primeira medalla de bronce galega deste Mundial Praia.

 

Nesta mesma categoría (individual masculino -17) Álvaro Portela (Hebe) e Adrián Ventín (Mace) perderon no seu primeiro enfrontamento. Adrián tivo como rival ao representante de Gran Bretaña, que ao final acadou un bronce.

 

En individual masculino -30, Alejandro Losada (Neka) comezou vencendo ao representante de Bulgaria de forma clara e na segunda rolda, tiña como rival ao campión do mundo Joel Van Der Weide (Holanda) e non puido superalo. Pola súa banda Aitor Priego (Yidam) gañou a Miguel Barreiro (Yidam) na primeira eliminatoria, pero caeu na segunda rolda contra Finlandia.

 

En parellas -30 anos, Elena Varela e Alex Losada (Neka) caeron ante Italia en cuartos de final, polo que non puideron acadar medalla. Non foi a mellor actuación dos galegos, que técnicamente eran superiores, pero cometeron algún erros.

 

Ademais, a galega Sandra Gardini (Yidam) participou xunto a dúas andaluzas (Alba e Desiree) nun trío feminino. Perderon en primeira rolda ante Dinamarca. Apenas se coñecía e so adestraron xuntas un ratiño antes da competición, polo que é normal que houbese problemas de sincronización. Aínda así, acadaron a medalla de bronce.

 

 

 

 

 

Derradeira modificación o Mércores, 25 Abril 2018 20:17
Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.