Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Julián Feijoó, bronce na Copa Presidente de Europa en Atenas

O cadete Julián Feijoó (-33, Couto), cunha fantástica actuación, acadou hoxe a medalla de bronce na 3ª Copa Presidente de Europa, que comezou hoxe en Atenas e rematará o próximo 29 de abril. Con este resultado ademais, o galego acadou a súa clasificación para o Campionato de Europa Cadete.

 

En primeira rolda Julián  venceu por unha diferenza de 20 puntos ao ruso Matvei Sobolev. No segundo combate o taekdondista do Couto superou ao representante greco Alexandros Reizis, tamén de forma moi clara (24-8) e no terceiro enfrontouse a outro grego, Konstantinos Ioannis Petroulis por 15-8. Así logrou plantarse nos cuartos de final onde esperaba outro deportista grego, pero Julián seguiu imparable e venceu por 14-3. Con este resultado o galego garantiu a súa clasificación para o Europeo cadete e a medalla na President Cup.

 

As semifinais celebráronse pola tarde e Julián tiña que enfrontarse a un ruso. Non estivo moi cómodo en ningún momento. O rival marchouse no marcador dende o inicio e o noso taekwondista non tivo opcións (20-7). O resumo non pode ser máis satisfactorio, con catro combates gañados de forma clara, un bronce e a clasificación para o Europeo Cadete.

 

Hoxe tamén competiu Sara Cortegoso (Mace Sport) en sénior -49 quilogramos, pero a galega perdeu no primeiro combate ante a rusa Regina Sakhautdinova. A rusa logrou escaparse fácil no primeiro combate e iso obrigou a Sara a ir a remolque. No segundo, a pontevedresa remontou e púxose a dous puntos, pero despois a rusa logrou alcanzar á nosa deportista cunha técnica á cabeza a xa abriu un oco imposible de superar (18:14).

 

Este torneo é unha competición G-2 e clasificatoria para o Europeo cadete, Europeo sub 21 e Europeo Sénior. Todo isto supón a presenza de grandísimos taekwondistas en busca dos seus obxectivos. En total hai case 2.500 deportistas inscritos nas diferentes categorías (cadete, júnior e sénior).

 

A Federación Galega despraza a un equipo formado por nove deportistas (Cloe Iglesias, Vanesa Roo, Julián Feijoo, María Ferreiro, Irene Montemuiño (cadete), Tania Castiñeira (júnior) e Sara Cortegoso, Iván García e José Fernández (sénior), e os técnicos Miguel Cortegoso, Pablo Carou e Noelia Pérez. Ademais, coa selección española viaxan os galegos Katia Calvar, Javier González, Manuel Parada e Pablo Fernández Eiras.

Derradeira modificación o Mércores, 25 Abril 2018 20:17
Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.