Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Unai Silva e Ana Dosil caeron na segunda rolda do Mundial Júnior

Rematou o Campionato do Mundo Júnior para os deportistas galegos coa participación hoxe de Unai Silva (-68, Mace Sport) e Ana Dosil (-63, Natural Sport). Ambos gañaron un combate e caeron en segunda rolda.

 

Ana Dosil (-63, Natural Sport) comezou a competición fronte a Erato Athanasiou (Chipre) e venceu con comodidade (14-3). Ana saíu moi concentrada e logrou marcharse no marcador cun 9-1 no primeiro asalto. Despois so tivo que manter a renda. Combate moi ben controlado.

 

Pero na segunda eliminatoria, rematou a súa aventura. Enfronte estaba Celine Schmidt (Alemaña) unha competidora altísima e moi forte que non deixou ningún resquicio para que Ana puidese puntuar. A nosa taekwondista intentou traballar por dentro, pero a rival protexíase moi ben (11-3).

 

Unai Silva (-68, Mace Sport) fixo o primeiro combate contra Patrik Pavlekovic (Croacia) e foi tremendamente superior (22-6). Unai controlou ao seu rival en todo momento e non sufriu para vencer nesta primeira rolda.

 

Pero na segunda esperaba un durísimo rival, o bielorruso Iván Paulouski. Foi un combate trepidante cun ritmo altísimo que Unai non puido seguir e o bielorruso logrou vencer con amplitude (21-12).

 

E así rematou o Mundial Júnior de Túnez para Galicia (aínda queda unha xornada máis por disputarse), coa participación de cinco galegos (sendo a comunidade con máis representación xunto a Valencia). Pablo Patiño fixo catro combates e logrou chegar aos cuartos de final, mentres que Arlet Ortiz superou dúas roldas. Ana Dosil e Unai Silva fixeron dous combates e Alba Vidal caeu no primeiro (no punto de ouro).

 

 

Derradeira modificación o Xoves, 12 Abril 2018 18:42
Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.