Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Pablo Patiño quedou a só un paso das medallas no Mundial Júnior

Magnífico traballo dos nosos deportistas na xornada de hoxe no Mundial Júnior, que se está a disputar estes días en Hammamet (Túnez). Pablo Patiño case rozou a medalla, tras vencer en tres combates e perder nos cuartos de final. Así, con 15 anos logra a quinta posición no Mundial. Pola súa banda, Arlet Ortiz tamén tivo unha boa actuación ao vencer en dous combates e caer no terceiro, mentres que Alba Vidal fixo un gran combate na primeira rolda, aínda que perdeu no punto de ouro por rexistros.

 Pablo Patiño (-63, Patiño) venceu no primeiro combate  a Hamzeh Faraj (Líbano). Foi un rival moi alto e incómodo e nos dous primeiros asaltos a Pablo costoulle un pouco, polo que o combate estivo bastante igualado. Pero no terceiro apertou e logrou distanciarse para vencer por 19-6. Na segunda rolda, Pablo enfrontouse ao ruso  Iaroslav Petrenko. O rival era moi alto (case 1,90) e houbo un final de infarto (6-7). E iso que Pablo de entrada sorprendeu ao ruso e logrou marcharse cun resultado claro (6-0). Despois Petrenko foi reducindo distancias, pero Patiño foi quen de aguantar e vencer.

 En terceira rolda esperaba o marroquí Yousse Boatris. Non puido haber máis emoción neste combate que se decidiu no punto de ouro. E iso que Pablo ía moi por detrás no marcador (7-3) ata que comezou a remontar no terceiro asalto para rematar con empate (11-11). E no punto de ouro sorprendeu ao seu contrincante cun bandal directo, nada máis o árbitro sinalara o comezo.

 E así conseguiu o pase para os cuartos de final, onte tiña coma rival ao italiano Gabriele Caulo. Foi un combate con moita tensión. O italiano conseguiu destacarse no marcador un pouco no inicio, pero Pablo remontou, ata que nun intercambio de golpes Caulo logrou alcanzalo arriba e así aumentou as distancias. Nos instantes finais Patiño arriscou para remontar e o rival volveu a puntuar (13-7).

 Arlet Ortiz (-52, Mat’s) comezou a competición contra Tala Roshdy (Exipto) nun peso formado por 41 participantes. A galega foi moi superior e logrou vencer por un claro 13-5. No segundo combate enfrontouse á Sofía Lazos (México). Foi unha pelexa dura. Arlet comezou gañando, pero a mexicana logrou adiantala. Arlet, unha vez máis, demostrou que é moi forte de cabeza, e remontou para finalizar gañando por 7 a 6. Finalmente Arlet caeu en oitavos contra  Ozoda Sobirjonova (Uzbekistán) por 10 a 4. Foi un combate moi pechado, que se decidiu en contra da nosa deportista no terceiro asalto.

 Alba Vidal (-55, Kido) tiña como rival en primeira rolda á coreana Sun-Kyeong Baek. Foi un fermoso combate, cunha magnífica actuación da nosa deportista. Ao remate dos tres asaltos había empate (3-3) e foi necesario acudir ao punto de ouro. Finalmente a vitoria foi para a coreana por rexistros.

 E mañá será a quenda para Unai Silva (-68, Mace Sport) e Ana Dosil (-63, Natural Sport). Ana comezará a competición fronte a Erato Athanasiou (Chipre) nun peso formado por 39 taekwondistas. Pola súa banda Unai realizará o primeiro combate contra o vencedor do enfrontamento entre Gabriel Briskar (Eslovaquia) e Patrik Pavlekovic (Croacia).

 

 

 

Derradeira modificación o Mércores, 11 Abril 2018 18:17
Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.