Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Cinco galegos participarán estes días no Mundial Júnior de Túnez

Cinco galegos (Arlet Ortiz, Pablo Patiño, Alba Vidal, Unai Silva e Ana Dosil) participarán nos próximos días no Campionato do Mundo Júnior, que se celebrará do 9 ao 13 de abril en Hammamet (Túnez). Ademais, antes (6 e 7) Arlet e Pablo disputarán o Clasificatorio dos Xogos Mundiais da Xuventude.

 

Os primeiros en actuar serán Pablo Patiño (-63, Patiño) e Arlet Ortiz (-55 quilogramos, Mat’s), que xa se atopan en Hammamet, adestrando e preparándose para a competición, que terá lugar o sábado 7 de abril. Mañá venres realizarán a pesada. Ambos están moi ilusionados ante a posibilidade de disputar os Xogos Mundiais da Xuventude de Bos Aires 2018.

 

Arlet explicou que o preolímpico é unha gran recompensa. “Ao comezo era un soño e agora, unha realidade. Só queda afrontalo coa maior ilusión posible e facelo o mellor que se poida”. Arlet  comezará a competición contra Ewa Jamiolkowska (Polonia) nun peso de 42 taekwondistas.

 

Pola súa banda, Pablo fala dun importante reto: “É unha recompensa a todo o traballo feito. Afrontareino con moita ilusión e deixareino todo para poder estar en Bos Aires neses Xogos. Todo un reto”. O peso de Pablo é enorme, con 65 deportistas. Patiño comezará ante Abdullah Fuad (Bahrain) e para acadar a clasificación ambos terían que gañar tres combates (chegar a cuartos).

 

O clasificatorio celébrase sobre cinco pesos (masculinos e femininos) e cada país só pode presentar a tres deportistas masculinos e tres femininos. Logran o pase os oito mellores deportistas de cada peso.  Neste torneo participan 438 taekwondistas de  111 países.

 

E case sen tempo para respirar, comezará o Mundial Júnior (9 ao 13 de abril), no que Galicia contará con cinco representantes, que se gañaron a súa clasificación no Campionato de España e no Open de Holanda. Galicia é a comunidade que máis deportistas aporta á selección española xunto coa Comunidade Valenciana (5).  Ademais de Pablo Patiño e Arlet Ortiz, tamén acadaron a súa clasificación para o Mundial Alba Vidal, Ana Dosil, Unai Silva. Neste torneo participarán  962 deportistas de 12 países, nados entre  o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2003.

 

Os nosos deportistas acoden a esta cita cunha gran preparación e moitísima ilusión por facer as cousas ben.

 

Para Arlet Ortiz (no mundial competirá no seu peso, -52) este é o seu primeiro mundial e afróntao “con moita ilusión porque é a recompensa a un traballo continuo e ben feito. O único que desexo desta cita é facelo ben. Encantaríame subirme ao podio, pero o principal é sentirme satisfeita co traballo realizado”.

A galega cree que chega en boas condicións, despois de moitos entrenos e numerosos campionatos coma o Open de Holanda ou os Campionatos de España júnior e sénior. Sobre adversarias, sinala que “calquera pode ser moi complicada, pero sempre hai algunha favorita coma a anterior campioa do Mundo ou a campioa de Europa”. Compite o 11 de abril.

 

Alba Vidal (-55, Kido Sport) tamén participará no seu primeiro Mundial e considera que “é froito dun bo adestramento e gran esforzo. Vouno afrontar dando todo o posible e quero quedarme con boas sensación e un traballo ben feito, buscando evidentemente subir ao podio”. A súa competición celebrarase o día 11 de abril.

Alba explicou que “a preparación comezou xa dende o inicio de tempada traballando no CGTD con Jesús e Belén (adestradores) e os meus compañeiros cara ao nacional. Ademais, fixemos moitas saídas para buscar unha boa rodaxe para este campionato”.

No seu peso hai 58 adversarias, “das que destacan a representante de China Taipei que é a campioa do mundo, a representante grega (bronce europeo) e outras representantes cun gran medalleiro en opens internacionais”.

 

Unai Silva (-68, Mace Sport) é o galego con máis experiencia nestas citas, xa que este será o seu segundo Mundial (xa disputou un en Korea): “Vouno afronta da mesma ou mellor maneira que o anterior. Ir a un Mundial significa moito esforzo e hai que conseguir que todo ese traballo quede demostrado nese ansiado campeonato. Farei todo o posible para volver a casa cunha medalla”.

Unai tamén destacou o gran traballo de preparación que fixeron con Jesús Benito no CGTD: “Jesús moveuse moito para axudarnos a estar o máis finos posible nesta cita”. Como adversarios principais no se peso, que se celebrará o día 12, destaca a Irán, Korea ou Turquía.

 

Ana Dosil (-63, Natural Sport) tamén pensa que a clasificación para o Mundial  “é consecuencia do traballo e tempo de dedicación. O principal é gozar ao máximo da experiencia e dalo todo no tapiz: Facer o que levo traballando todo este tempo e confío en que iso me leve a meterme no podio.

 

Dosil explica, como os seus compañeiros, que “este campionato non se prepara nun mes. Levo traballando dende o comezo de tempada co obxectivo posto no Nacional, que foi o que me deu o pase ao Mundial. Foron semanas de moita carga de traballo e agora estamos  afinando pequenos detalles para chegar nas mellores condicións”.

Na súa categoría (-63 quilogramos) hai 44 participantes “das cales dez destacan con bos resultados en nos Mundiais e Europeos, como Turquía, Serbia, Rusia ou Croacia”. Compite o día 12 de abril.

 

E rematamos con Pablo Patiño (-63, Patiño), no seu primeiro Mundial e campionato deste nivel na categoría júnior. O deportista explicou que ao coñecer o calendario xa comezou a pensar nestes torneos: “En canto saíron as datas oficiais destes eventos, tanto o preolímpico coma o Mundial, os nosos obxectivos principais eran participar en ambos, principalmente no Mundial, que era o que dependía de min, e para iso tiven que preparar a conciencia o Nacional e o Open Internacional de Holanda”. Para Pablo estar en Hammamet “significa unha recompensa a todo o traballo realizado ata agora e espero que este esforzo nos leve ao máis alto do podio e a coller moita máis experiencia”.

 

No seu peso, que terá lugar o 11 de abril, hai grandes rivais: “Tanto no Mundial como no preolímpico teño a rivais con grandes fazañas coma o coreano campión de Asia o pasado ano, Irán, Rusia ou Turquía, que presentan resultados similares”.

 

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.