Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Máis de 150 taekwondistas galegos participarán esta fin de semana no Open de España en Alacante

A selección galega participará esta fin de semana (23, 24 e 25 de marzo) no 16º Open de España de combate,  técnica e freestyle, que se celebrará en Alacante (pavillón Pedro Ferrandiz - Centro de Tecnificación). Ademais das e dos deportistas que conforman a selección galega (148 deportistas), os clubs galegos tamén levan a taekwondistas que non puideron entrar na selección, polo que ao final estarán máis de 150 deportistas galegos. Ademais tamén teremos presenza do estamento arbitral galego. Só para técnica estarán Adrián Alonso, Francisco Tilve e Daniel Paredes; mentres que Noelia Gómez, Conchy Martínez, Miguel Aneiros e María Bautista dirixirán en técnica e combate. Este Open está recoñecido pola Federación Mundial como proba da categoría G1, puntuable para a clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

 

Serán tres días moi intensos, con competicións dende primeira hora da mañá. O venres 23 de marzo celebrarase o Open da modalidade de técnica adulto (cadete, júnior, sénior 1 e 2; máster 1, 2, 3 e 4) e freestyle, cun total de 323 inscritos. A Federación Galega de Taekwondo despraza a un equipo formado por 46  deportistas e 4 técnicos coa firme intención de subirse ao podio, tal e como xa sucedeu no Campionato de España. A selección galega está viaxando neste momento.

 

O sábado 24 será a quenda para a categoría cadete de combate (con 35 galegos na selección) e júnior (40 integrantes na selección galega) cun total de 758 deportistas inscritos. As e os nosos representantes viaxan coa ilusión de loitar polos primeiros postos, tal e como ven facendo habitualmente. O combinado galego sairá esta noite en dirección a Alacante.

 

O domingo 25, último día do Open, competirán os sénior, nunha proba na que están inscritos máis de 430 taekwondistas de todo o mundo. Galicia presenta unha selección competitiva formada por 22 deportistas da categoría absoluta,  aínda que o nivel que atoparán fará que sexa moi complexo acadar unha medalla. O Open de España é unha proba G-1, polo que outorga puntos para o ranking mundial e haberá deportistas de todo o mundo. Rusia, USA, San Marino, Brasil, Alemaña, Turquía, Hungría, Libia, Panamá, Ucraína, Italia, Irlanda, Lituania, Grecia, Austria, Porto Rico, Canadá, Gran Bretaña, Perú, Marrocos, Chile, Colombia, Serbia, Portugal son algúns dos países inscritos neste prestixioso torneo.

 

No pasado Open de España sénior Galicia acadou un total de sete medallas (2 pratas e 5 bronces). Iván García e Pablo Fernández lograron as pratas, mentres que os bronces foron para Laura Lorenzo, Katia Calvar, Manuel Parada, José Fernández e Rubén Troitiño.

 

 

No seguinte enlace tedes as convocatorias galegas que viaxan a Alacante.

 

http://www.taekwondogalego.com/fegatae2015/index.php/ximnasios/convocatorias/item/2553-open-de-espana-24-03-18

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.