Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Ainhoa García, ouro na President’s Cup for Children e clasificada para o Europeo Cadete

Ainhoa García (-55, Couto) logrou a clasificación para o Campionato de Europa Cadete, tras acadar a medalla de ouro na President’s Cup for Children, que se celebrou esta fin de semana en Alemaña. Ademais, hai que destacar as dúas medallas logradas por Yaiza Velo (ouro en técnica e prata en freestyle), que lle dan a súa clasificación para os Multi European Games.

 

A President’s Cup for Children celebraba a súa primeira edición e co aliciente de que se acadabas unha medalla, lograbas a clasificación directa para o Europeo cadete (en combate). Así, a Federación Galega levou unha selección de catro deportistas -Iker García de la Llera (-49, Natural Sport Riveira), María Ferreiro (-44, Couto), Irene Montemuiño (-47, Natural Sport Riveira) e Ainhoa García (-55, Couto)- e varios clubs viaxaron cos seus rapaces a nivel particular.

 

Ainhoa García (-55, Couto) fixo unha competición espectacular, gañando 5 combates e con solvencia. En primeira rolda superou a Matea Zeljo (Croacia) por 12-2, para vencer a Dionysia Bourdeka (Grecia) en segunda (14-2). No combate que daba o pase as medallas tiña como rival á rusa Daria Tyseva e tamén foi moi superior (5-10). Na semifinal venceu á grega Theopoula Sarvanaki (14-17) e rematou a xornada triunfal gañando na final á Mink Amy (Holanda) por 4-7. Ouro e clasificación para o Europeo Cadete.

 

María Ferreiro (-44) estivo moi preto das medallas. Venceu no primeiro combate á británica Holly Pepper (7-3) e despois á alemá Beyza Sonmez (3-6). Pero caeu nos cuartos de final contra a rusa Sofya Solovyova (10-13).

 

O mesmo sucedeu con Borja Domingo (-44), que viaxou co seu club, o Natural Sport Riveira. O deportista estaba nun peso con 64 competidores, polo que as medallas estaban moi “caras”. Desta forma, o galego venceu na primeira rolda ao grego Alexandros Zografidis (24-11), en segunda ao francés Adam Rekik (19-25) e en terceira ao ruso Denis Zharkov (18-24). Pero en cuartos de final non puido co ruso Nikita Lobanov (0-2) e quedou ao borde das medallas. Gran traballo.

 

Clo Iglesias (-59), que viaxaba polo seu club Patiño, gañou en primeira rolda a Christina Stathopoulou (0-1), pero non puido en cuartos de final coa serbia Sandra Stamevsk (6-9), que ao final acadou a medalla de prata.

 

Irene Montemuiño (-47) caeu dunha forma moi axustada no primeiro combate contra a grega Chrysanthi Yfanti por 15-14. O mesmo lle sucedeu a Julián Feijoo (-33), que vaixaba co Couto, ao perder ao August Storm Brunn (Dinamarca) por 0-2. Iker García de la Llera (-49) tivo como rival en primeira rolda ao grego Dionysios Flemotomos e non puido superalo (5-9).

 

Poomsae e freestyle. Tamén houbo competición de técnica e freestyle, e con magníficas noticias para o taekwondo galego. A deportista do Natural Sport Sada, Yaiza Velo fixo dobrete: Logrou a medalla de ouro en técnica e a de prata en freestyle, e acadou a clasificación para os Multi European Games.

Francisco Ramos (Natural Sport Riveira) logrou clasificarse para a final de poomsaes, pero sen lograr medalla, e Manuel Paz (Natural Sport Riveira) caeu en primeira rolda de poomsaes.

 

 

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.