Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Catro medallas galegas no Open de París

Foron as júniors galegas as que lograron un bo botín no Open de París. Na xornada de hoxe houbo dous ouros (Alma Pérez e Elena Pérez), una prata (Ana Dosil) e un bronce (Antía Sánchez) para taekwondistas galegas na proba de París.

Alma Pérez (-52, Suh Sport) comezou o torneo vencendo á Alexia Amon (Francia) cun cómodo 15, para enfrontarse en segunda rolda á mundialista e medallista europea, a británica Holly Kelly. Foi un combate moi técnico, no que a nosa deportista brillou para vencer por 28-12. Coa medalla asegurada, a boirense mostrou a súa ambición gañando en semifinais a Siobann Delaye (Francia) por un impresionante 32-12 e na final a Ella Sands (Gran Bretaña) tamén con enorme superioridade (23-6).

O segundo ouro galego foi para Elena Pérez (-44 quilogramos, Natural), que ademais repetía una magnífica actuación en París, xa que o pasado ano foi prata. En primeira rolda Elena enfrontouse á alemá Jessica Wolf á que derrotou por 24-3 nun combate bastante cómodo. Na segunda eliminatoria venceu á  francesa Khalissa Agaou por 17-3 e xa na final derrotou á tamén francesa  Sabah Shaiek por 11-8 nun combate moi técnico e estratéxico.

Ana Dosil (-68, Natural) acadou a medalla de prata en París. Na final foi superada pola vixente campioa de Europa, a francesa Althea Laurin por un claro 25-5. Previamente Ana derrotou á tamén francesa Si'Ann Sulpice-Timothe por 18-12 nun fermoso combate de grande intensidade.

O bronce galego foi para Antía Sánchez  (-55 kg, Suh Sport), quen comezou gañando con folgura o seu primeiro combate contra Oceane Lelandais (Francia) por K.O.  (22-0),  para enfrontarse en cuartos de final á tamén francesa e campioa de Europa cadete Imani Sitti, á que venceu  cun claro 24-13, dando un magnífico espectáculo cunha gran remontada. Xa en semifinais, a galega enfrontábase a unha complicadísima rival, a belga Ewelina Krynska, á que non puido vencer, tendo que “conformarse” coa medalla de bronce.

Aquí rematou a colleita de medallas galegas. Javier Torrado (-59 kg, Suh Sport) superou ao seu primeiro rival con rotundidade (28_2), pero o francés  Enzo Comprelle freou ás súas aspiracións de medalla en cuartos de final nun axustado e tenso combate no que o deportista local acabou impoñéndose (26-24).  Tamén caeu nos cuartos de final, Pablo Patiño (-63, Patiño Moaña). O galego pasou o primeiro combate sen ter que competir por incomparecencia do seu rival, un marroquí, e en segunda rolda venceu ao francés Yanis Tahraqui, un competidor moi alto, que lle puxo as cousas moi difíciles a Pablo, que ao final se impuxo por un axustado 10-9. En cuartos caeu contra o belga Shohai Amal (8-3).

Héctor Canabal (-63, Mace Sport) gañou o primeiro combate a Steluy Banzouzi (29-9), pero perdeu no segundo ante o marroquí Youssef Boatris (25-4).

Alejandro Paz (-55, Natural) superou a primeira rolda ante Angelo Ferreira (Francia) por 12-26 e caeu ante o exipcio Mostafa Mansour (9-18); mentres que Diego Martínez (-59, Natural) gañou a Guillian Dray (Francia) por 10-12 e foi derrotado polo holandés Kasmi (17-22).

Ademais, caeron en primeira rolda Tomás Lois (-45, Natural), Giovanni Imparato (-51, Mace), José García (-51, Natural), Carlos Medranda (-55, Mace) e Sergio Gonzalo (-59, Natural).

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.