Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Arlet Ortiz, bronce no Europeo Júnior de Chipre

Arlet Ortiz acadou a medalla de bronce no Campionato de Europa Júnior, que comezou hoxe en Chipre (do 2 ao 5 de novembro). A galega, que gañou tres combates, caeu nas semifinais contra a romanesa Liana Musteata. Pola súa banda, Adrián Pombo quedou ás beiras das medallas, ao non superar os cuartos de final contra o ruso Dali Ishberdin.

 Arlet Ortiz (-52, Mat´s) foi a primeira en competir no campionato e tiña como rival a Piadora Loncaric (Eslovenia). A galega, moi concentrada, venceu con certa folgura (13-7) e xa se comezou a preparar para o choque, contra unha das favoritas, a rusa Arina Filippova. Foi unha fermosa loita, moi intensa, con Arlet sempre por diante no marcador, pero a rusa puntuando para poñer en apuros á nosa deportista, que non se puxo nerviosa e seguiu facendo o seu traballo para chegar ao triunfo final por 18-14. O terceiro combate, no que se xogaba o pase ás semifinais e garantir desta forma unha medalla, foi contra a austríaca Melanie Kindl. Non o tivo nada sinxelo a nosa deportista, nun combate moi axustado que rematou con empate (5-5). Desta forma, foi necesario acudir ao punto de ouro, e aí resolveu Ortiz cun bandal de dereita.

 O metal xa estaba asegurado e agora falta saber cal sería. En semifinais a rival era a romanesa Liana Musteata, unha dura contrincante. O combate estivo moi igualado, con Arlet moi valente e golpeando o peto da súa rival, pero sen a forza suficiente coma para puntuar. Ata que nun ataque, a romanesa contraatacou e marcou dúas veces consecutivas sumando catro puntos, o que lle deu unha boa vantaxe. Arlet non se rendeu e tento acortar distancias, pero xa non puido (7-2).

 Pola súa banda, Adrián Pombo (-78 quilogramos, Natural Sport Riveira), tiña un moi duro rival para comezar o campionato. Pombo enfrontouse a un vello coñecido, o danés Wassin El-Dilayi, que é medallista europeo. Foi, tal e como se esperaba un combate moi axustado (1-1), que se decidiu no punto de ouro a favor do noso deportista.

 En segunda rolda, Adrián tivo que loitar contra Yahor Maiseyenka (Bieloruso). O galego foi moi superior e venceu por un rotundo 9-2. No combate decisivo, en cuartos, Pombo tiña enfronte ao ruso Dali Ishberdin, un dos “cocos” do torneo, e o noso deportista non tivo opcións a pesar da súa loita (8-1). Grandísimo traballo o de Adrián, que quedou ás beiras das medallas.

 Os outros dous taekwondistas galegos presentes no Europeo de Chipre, Javier González (-68 quilogramos, Mace Sport) e Tania Castiñeira (+68 quilogramos, Hebe), competirán o domingo, último día do torneo, que reúne en Larnaka (Chipre) a máis de 700 deportistas nados entre os anos 2000 e 2002.

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.