Sponsors Federacion Galega de Taekwondo

Log in
A+ A A-

Arlet Ortiz, Tania Castiñeira, Javier González e Adrián Pombo, no Europeo Júnior de Chipre

Catro taekwondistas galegos (Arlet Ortiz, Tania Castiñeira, Javier González e Adrián Pombo) participarán no Campionato de Europa Júnior, que se celebrará do 2 ao 5 de novembro en Chipre. Esta será a 21ª edición do Europeo Júnior e este ano reúne a máis de 700 deportistas nados entre os anos 2000 e 2002.

 Os nosos deportistas partiron hoxe cara a Madrid dende onde viaxaron, xunto ao resto da selección española, en dirección a Larnaka (Chipre) onde se disputará o Europeo.

 Todos eles viaxan con moita ilusión e gañas de facer un bo papel, pero sobre todo de sentirse orgullosos do traballo realizado. Os primeiros en competir serán Arlet Ortiz (-52 quilogramos, Mat´s) e Adrián Pombo (-78 quilogramos, Natural Sport Riveira), que terán que saltar ao tapiz o 2 de novembro, primeiro día do torneo.

 Arlet, que este ano fixo unha tempada excepcional, acadou a súa clasificación para o Europeo ao conseguir o título da categoría, aínda que tamén logrou o título de campioa de España sub 21 con só 15 anos, e disputou o Europeo sub 21, onde quedou ás beiras das medallas.

 Arlet non quere marcarse obxectivos máis alá de sentirse satisfeita do feito: “Cada campionato é diferente, partes de cero, polo que non quero marcarme obxectivos a nivel de resultados.  Eu adestrei o mellor que puiden e no que me vou centrar é en mellorar porque penso que se estou a un bo nivel, terei opcións de acadar un bo resultado”. Para Arlet, favoritas son todas, “calquera que estea nun Europeo é o suficientemente boa como para gañar a outra rival. Evidentemente está a ucraína, que ten varias medallas europeas, pero aquí partimos todas de cero, coas mesmas opcións”.

 Adrián Pombo (-78 quilogramos, Natural Sport) tamén logrou o título de campión de España júnior en A Nucia (Alacante) e amósase moi animado ante esta importante cita: “A miña preparación creo que está a ser moi boa e vou con moitas ganas ao Europeo. Teño claro que o meu obxectivo é colocarme a medalla de ouro, pero hai grandes deportistas como Jilali Wassim (Dinamarca), Huseyn Kartal (Turquía) ou un ruso. Esperemos que todo o traballo que levamos feito, tanto eu coma os meus adestradores Juan Luis, Adrián Jiménez, Pablo Carou e Osiris, poida verse reflectido neste campionato”, explicou o deportista.

 Javier González e Tania Castiñeira serán os últimos en competir, o domingo 5 de novembro. Javier González (-68 quilogramos, Mace Sport) logrou a clasificación para o Europeo nunha preselección que se realizou no CAR de Murcia, e onde o pontevedrés foi moi superior. Sobre o Europeo, Javier sinalou que “é un campionato moi difícil, e sei que no meu peso hai moito nivel, pero eu tamén estou a ese nivel e creo que podo chegar alto se todo sae ben. Algúns dos meus principais rivais son o belga Achab (irmán pequeno de Jaouad, campión do mundo sénior 2015), e dous rusos, entre moitos outros”. A pesar das dificultades, aspira ao máximo: “O meu obxectivo, como o de todos os deportistas nun campionato así, é gañar, e espero que sexa posible. Estamos todos preparados”.

Tania Castiñeira (+68 quilogramos, Hebe) chega nun magnífico momento de forma e iso dálle moita forza: “Despois de acadar o ouro nos Opens de Polonia e Serbia, véxome moi forte e moi ben para enfrontar este campionato e co obxectivo de acadar a medalla”, manifestou a deportista.

 Tania, actual campioa de España júnior no seu peso, sabe cales son as súas principais rivais: A rusa Kristina Adebaio (campiona da President Cup, dúas veces campioa de Europa cadete e subcampioa do Mundo cadete) e a inglesa Rebecca McGowan (bronce no pasado campionato do mundo júnior).

 

 

Comunicación Fegatae

Email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.